domingo, 5 de enero de 2014

TEMPOS DE REINADOS.(Dos de verdai)






    . Xa temos os torgos e os rachos de carballo na casa do reinado. Está o tempo frio e polomenos evitaremos quedar encarouxados.

Este ano non temos ningún vitelo (culpa da crise), apañarémonos polo que nos queiran dar mañá. Barrunto que non será moito, pois xa non hai matanzas, e o peor do asunto, xa case non vive niguén na aldea, e a metade liscan a casa dos fillos, nas cidades.

Outra carallada mais, xa non temos gaiteiros o Luis e o Tanasio xa vai un tempo que fixeron o pasamento, e ninguen colleo o oficio. Somos poucos e non temos cartos para traer un gaiteiro de fora, e a Banda de Gaitas das Portelas é demasiado grande, e o non ter vitela non temos nin con que mantela.

Pra cantar os reis esta noite apañarémonos co bombo e o tambor, esperando que ninguén se poña rouco (nin varela) a hora de cantar.

Sei dalgunha casa que nos teñen preparadas unhas copiñas de augardente. Coido que inda é da feita co bagazo das uvas de Vilares. Haberá que bebela de xeonllos e gorentala como se fose a última no mundo.

Como tampouco hai mozas, non poderemos facer baile o dia de reis nin os seguintes. Amolaremonos e ficaremos pensativos detrás da lareira, mirando como se consumen o trafugueiro e os tizois. Os torgos quedaran para outro ano, ou, por se no veran a xente quere, poder facer unha festiña comunal entre todos os que anden polo lugar.

Por se a cousa se da mal, irei a Hermisende a encargar unha comida e unha cea na casa do Crego, coido que a Ción e moi boa cociñeira.

Alí comeremos, beberemos, e estaremos de parola hasta que o corpo aguante ou nos boten fora. Espero que os dous Carlos se animen e participen, e a amiga Cristiana nos cante un Fado.

Estaba a pensar que a volta podia pasar o Tuela polas Poldras, mais debe traer un sorbo grande de auga, mellor iremos pola ponte e o pasar pola mina da Veiga tentaremos falar coa fada que engaiolaba o Ti Alexandre, igual nos fai un feitizo e nos transporta os tepos dos sete mozos de ferro que unha vez existiron en Val dos Marcos.

¡Tempos aqueles, nos que os que volteran das americas, neste tempo, eran quen de bailar un tangazo cun barredeiro, ou cunha baleadeira.!

Tamén tempos nos que se adoitaba facer a augardente, metidos nas cortes das vacas ou dos porcos, para evitar as miradas dos carabineros, que pensaban que por facer aguardente as agachadas, podíase fundir a facenda do pais.¿Como se daquela no houbera quen rapiñera dabondo!.

Sabedes o que vos digo; chegado a este punto, non quero pasar pola mina da Veiga, tampouco quero cantar os reis. Vou ir o mercado de Teis, comprar uns xurelaños, quentalos no forno, e zamparme uns centolos co recendo dos xurelos, meterme entre peito e espalda un caneco de vinho do Alentejo portugues dunha casta de uva que eles le chaman Trincadeira, un bon copo de aguardente vella, e durmir a mona.Se os reis queren que les canten, que paguen.¡QUE CARALLO!


3 comentarios:

  1. Había tempo que non lía a palabra "caneco" e fixécheme lembrarme do meu avó.
    Coido que él usábao pra enchelo de auga quente e poñelo logo ós pés. Son lembranzas difusas pois él morreu cando eu tiña 9 anos.
    Gustoume todo o escrito. Lembranzas de tempos pasados. Pero logo todo acabou nun presente moi bó, Xabres.
    Desfruto coas túas letras.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  2. Tempos vellos e tempos novos.
    Eu oio e uso a palabra caneco en Arbo.

    ResponderEliminar
  3. Coido que a verba caneco é mais ben portuguesa, ainda que non o xuraría.
    paertas os dous, amigos.

    ResponderEliminar