martes, 26 de noviembre de 2013

OS XENIOS



 Era unha noite do inverno do ano cristián de mil novecentos cincuenta. Había fiadeiro,coma sempre na casa do ti Pedro e da tía Xabel na aldea da Teixera, aldea que está a mil cen metros de altitude sobre o nivel do mar.
 Polos camiños da aldea apenas se mantiñan de pé os veciños , pois xa facía unha semana que a neve se enseñorara de todo,e, polas noites, que quedaban estreladas con estrelas que bulían co friu, a xeada noite tras noite fora endurecendo a neve que o pisar nela era coma se fose cristal engraxado-As nádegas do persoal xa case que estaban coma as dos monos nalgunha época da súa vida, de tanto visitar a neve de maneira pouco amistosa.
 Arredor do lume da lareira estaban os de sempre xente habitual daquel fiadeiro, lume que o ti Pedro non deixaba esmorecer achegándolle torgos e rachos de carballo cada vez que facía falta, colocándoos contra un trasfogueiro, que no seu dia debera ser un bo carballo.
 A xente sentábase no escano que estaba arredor do lume, e que nunha parte facía tamén as veces de tabique que dividía a cociña doutra parte da casa, que estaba dividida con paredes de estuque. Desde a cociña casi se acedía o camiño. Sentíase a regueira da  auga que pasaba por diante. Pra entrar na casa había unha pequena ponte para rebasar o cachón de auga.
 Nun momento determinado sentiuse un ruído como se caese un cacho da casa, e ó mesmo tempo unha voz forte e rouca, que xuraba en mandingo ó mesmo tempo que se abría a porta e púñase diante de todos unha figura impresionante. Un home de case dous metros de alto embrullado nun capote de liño chorreando de auga pous resbalera na ponte da entrada e marchara de fuciños a caldeira, que pola neve e o carouxo que tiña o querer levantarse volveu resbarar (algunha das dúas formas verbais, terá que ser certa) e rebozouse por tódolos lados con aquela auga casi conxelada.
 Pido por favor- dixo o recien chegado- que me deixen estar un pouco a carón do lume pois estou a punto de quedarme teso coa friaxe.
 Levantouse rápido a tía Xabel e acercouse o home dicíndolle que se quitara o capote para tentar secalo, e que se acercara o lume. Colleule o capote ó home e colgouno na gramalleira, quedando as vistas uns pantalóns tamén de liño moi mollados e uns zamancos que case parecían barcas do xeito. En vista do cal o ti Pedro díxolle que le deixaba uns pantalóns, pra  por a secar os que tiña postos, foron a unha das alcobas e cando volveron as risotadas sentíronse en case toda a Alta Xeabra. Os pantalóns dábanlle polo medio das canelas a aquel casi xigante, pous o ti Pedro apenas debería chegar os cento sesenta centímetro de alto.
 Fíxolle sitio o forasteiro nun tallo, que acercou o lume e púxose a quentar as maus e frotabase todo o corpo para ir entrando en calor, cousa a que axudou moito uns grolos de aguardente dunha botella que le arrimou a tía Xabel.
 Cando entrou en calor o recien chegado, a preguntas dos presentes contou o que le pasara alí onde o riu Gamoneda entra en terras portuguesas, mais abaixo de Bouzadecristos, no famoso e encantado castelo do rei Bamba.
 Viña eu, camiño de Castrelos desde Bragança- dixo o que agora parecía un espantapaxaros- e o chegar a aldea portuguesa de Cova de Lúa, o cabalo que traia, quebrouse unha pata, entón tratando de entablillarla para deixalo quedar alí, fíxoseme de noite e trabuquei os camiños, acabando rendido e moi cansado na beira do castelo, alí onde están os vestixios das minas nas que en tempos os xenios arranqueron tesouros que  había enterrados, aínda que agora din que si as minas as fixeran os romanos, cousa que non é certa. Xa non podía case camiñar, pois por alí xa a neve era de certa espesura, e empecei a laiarme e clamar a Deus pola miña situación, todos sabemos que en apuros facemos iso, e El apiadouse de min mandándome un intermediario; era un Xenio dos que habitaban no castelo, que según me dixo, aínda que él era adorador de Alá, recibiu a orden do Deus dos cristiáns, e él non podía desobedecelo, seria como desobedecer a Alá. Despous de ensinarme o castelo por dentro e amosarme a vida dos seus moradores e todas as cousas que alí hai, nun abrir e cerrar de ollos deixoume eiquí na súa porta. Agora se puidera ser, como xa estou entrando en calor agradecería unha taciña de caldo se non fose demasiado pedir.
 Caldo que con toda a dilixencia do mundo le serviu a tía Xabel dicíndolle que era requentado pous era do que eles cenara aquela noite. Caldo que según o forasteiro, era o mellor que gorentara na súa vida.
 Prometeu referir as súas andanzas co xenio dentro do Castelo dos Mouros, mal chamado do rei Bamba ou do Mau Veciño.
 Continuará o relato.........

 

2 comentarios:

  1. Como se agradecen estes contos de antes nestas noitiñas frías.
    Agardo a continuación do conto.

    ResponderEliminar
  2. Moi ben relatado. A mín case me pareceu estar na casa dos meus avós. Alí a carón da lareira quentándonos e escoitando contos.
    Bicos, Xabres.

    ResponderEliminar